Saturday 04 de May de 2024

A segunda edición do Trail “Mosteiro de Soandres” celebrarase o 22 de xaneiro


A inscrición xa está aberta nas tres modalidades.

O Concello e o club Laracha en Dúas Rodas organizan a segunda edición do trail Mosteiro de Soandres que se vai celebrar o día 22 de xaneiro. O evento foi presentado hoxe polo alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Deportes, Patricia Bello, o técnico de deportes municipal, Miguel Barbeito, e por Anxo García e Carlos Amado, que deseñaron os percorridos xunto a Abel Matos.

A proba constará de tres modalidades diferentes co propósito de ofrecer a posibilidade de participar a un maior número de persoas adaptándose as características de cada unha delas.

Así, o evento principal será o trail de 27 km de distancia, un percorrido lineal rápido, de mil metros de desnivel positivo que partirá desde o mosteiro de Soandres e discorrerá por fermosos espazos naturais xunto a elementos arqueolóxicos como os fornos dos mouros e a pedra da Cabirta e, a parte final, a carón do río Anllóns ata chegar á praza Les Sables d’Olonne da Laracha.

Para o caso do mini trail e tamén a andaina, o percorrido será reducido, de 13 km e un desnivel positivo de 600 metros.

Dado que a saída e a meta se atoparán en puntos diferentes, a organización porá a disposición dos participantes transporte en autobús desde a praza Les Sables d’Olonne da Laracha ata o mosteiro de Soandres antes do inicio da competición. Ao rematar, serviranse callos aos competidores.

A inscrición xa está aberta e debe realizarse en liña en https://magmasports.es/es/evento/mosteiro-de-soandres-2023. Na primeira edición do trail houbo catrocentos corredores. Nesta ocasión agárdase superar esa cifra entre as tres modalidades da proba.